maio 16, 2011

Na Galiza o galego é natural


Dende o nacemento da A.C. Almuinha, as persoas que a formamos asumimos o compromiso de defender e promover o uso da nosa lingua, a nosa cultura e o respecto ao noso medio. Eramos conscientes naquela altura, e sómolo agora, da importancia de manter a nosa lingua e cultura vivas e o noso medio nas mellores condicións para as xeracións futuras.

A nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua son a maior riqueza que temos os galegos e galegas, pois son estes elementos os que moldearon e expresaron o noso xeito de vivir e os que nos singularizan no mundo como galegos. O noso idioma e a nosa cultura non son mellores, mais tampouco peores, que calquera outros, mais son únicos, son os propios da nosa terra, son a nosa achega á diversidade cultural e lingüística do mundo.

É a lingua galega a que lles serviu aos nosos devanceiros para transmitir a sabedoría, a historia e as tradicións que conforman e enriquecen a nosa cultura. É a lingua que naturalmente usaron os galegos e galegas para se comunicar, para se relacionar durante séculos no noso país: é, pois, a nosa lingua natural.

Afirmar, como fan o actual goberno galego e determinados sectores políticos, sociais e económicos de carácter galegófobo, que o galego foi ou está imposto, ademais de negar séculos de conculcación dos dereitos dos galegofalantes, é unha falacia, pois non se pode considerar como imposto algo que nos é propio.

É, así mesmo, unha falacia que o galego estea imposto cando hoxe aínda existen múltiplos atrancos para facer unha vida plena e digna en galego. É unha falacia cando a educación acelera a desgaleguización dos nosos fillos e fillas e mesmo fai abandonar o idioma aos nenos e nenas que falan galego. É unha falacia cando acudimos á Xustiza e non conseguimos que se tramiten os nosos expedientes na nosa lingua. É unha falacia cando hoxe é case imposíbel conseguir unha hipoteca, unha escritura notarial, unha esquela e toda unha serie de documentos cotiáns en galego nos máis diversos ámbitos como o sanitario, o laboral ou o comercial. É tamén unha falacia cando perviven uns prexuízos profundamente antidemocráticos sobre as persoas que falan galego, vellos tópicos que son alimentados e mesmo actualizados por aqueles que legalmente están obrigados a promocionar o idioma e velar polos dereitos dos galegofalantes.

Mais, a pesar de ser o galego a lingua propia e natural do país, sucede como no noso medio ambiente, que estragamos até tal punto que consideramos propios os eucaliptos que substitúen os nosos bosques autóctonos. Con todo, seguen sendo as nosas carballeiras, os nosos soutos, as nosas fragas, os nosos ríos e a nosa lingua o natural na nosa terra e por iso cómpre coidalos para que non desaparecezan na voráxine dunha mal chamada globalización e dun falso progreso. O mito de babel, ao contrario do que din algunhas voces, non foi ningunha maldición senón que representa a riqueza e diversidade cultural e lingüística de distintos pobos que a pesares das súas diferenzas comparten uns mesmos desexos de seguir existindo. Como dicía Castelao, os burros aínda seguen no idioma universal, e os galegos e galegas con dignidade e con conciencia non queremos ser burros, queremos aprender cantas máis linguas mellor, mais a nosa a primeira.

Na Galiza o galego é natural, sexamos entón naturais, falemos en galego.

maio 09, 2011

Festa da Lingua 2011

Un ano máis e dende o ano 2008 a A.C. Almuinha organiza este sábado 14 de maio co gallo do Día das Letras Galegas a 4ª Festa da Lingua en Marín.


A festa que comezará ás 11 da mañá na alameda de Marín contará coa presenza do grupo de música tradicional os Chichisos, as pandeireteiras e pandeireteiros de Maravallada, haberá unha solta de libros cedidos pola editorial Kalandraka e para facer a ledicia dos máis pequenos contaremos coa presenza dos magníficos contacontos Codia e Miolo ademais de xogos populares.


A partir das 2 da tarde a festa trasládase ao pavillón do colexio O Sequelo onde antes do último aberto de billarda da tempada na conferencia sur ás 5 da tarde, haberá un xantar a base de churrasco, ensaladilla, sobremesa, café e licores ou menú vexetariano cuxo prezo é de 10€ sendo necesario reservar con antelación no teléfono 606 59 53 10 ou ben enviando un correo a a.c.almuinha@gmail.com